EMPATÍA: MIRA DESDE OS MEUS OLLOS E
VERÁS...
XAQUÍN CAMPO
FREIRE, 01-11-2009.
Todos temos usado algunha vez un deses aparellos que hai nos miradoiros
para ver mellor a panorámica. Quizais mesmo temos mirado as estrelas cun
telescopio. Quen non ten unha lupa ou unhas gafas de cerca? Dá gusto descubrir
os misterios do minúsculo, do imperceptíbel, investigando cun microscopio. A
capacidade de ver é unha verdadeira marabilla. Mas nin sempre vemos
axeitadamente nin miramos adecuadamente. Probastes a mirar desde os ollos dos
demais e ver o que eles están a ver ou sufrir?
Só me comprenderás ben cando te poñas no meu lugar e olles a vida cos
meus ollos. Cos da cara e, principalmente, cos do corazón. Non se trata de que
me apartes do meu sitio e fagas por min o que é responsabilidade miña. Iso
sería anularme. Eu preciso que me axudes a ver, non que me aniquiles. Ponte ao
meu lado ou mesmo detrás. E así, no silencio interior, escóitame, aténdeme e
trata de comprenderme nas miñas circunstancias. Daquela empezarás a alcanzar
algo moi importante para ti e para min: “Eu, do que este, posibelmente
reacionaría da mesma maneira”.
Xa estás no punto de partida. Pero non te deixes arrastrar polo
problema. Ese é outro erro moi común. Céntrate en min, na miña persoa, que é quen
está magoada. E desde ese punto de mira, desde a miña persoa, trata de
comprenderme. Non. Non me chores as penas. Iso xa o fago eu. Mírame a fondo e
trata de ver en min as potencialidades e posibilidades que eu non acerto a
descubrir. Todo iso que está adormecido dentro de min e eu nunca souben deixar
saír para me construír. Axúdame a crer
en min mesmo e tamén nos demais. Fai posíbel en min o encontro co Deus da
liberade, do amor e da xustiza, que me quere de pé e nunca arrastrado. E quéreme
con futuro.
Alenta en min esas pequenas luces que ti descobres. Axúdame a que
abrollen nas silveiras do meu camiño esas pequechas flores brancas de esperanza
para que as espiñas nunca afoguen a tenrura, que foi nacendo, día a día, no
amor que as chamara.
Abáixate a min. Chega ata o fondo do pozo onde estou sumido e espétate
na mesma lama na que os meus pés se cravan. Agárrame con forza, para que tamén
eu me prenda á mesma corda que para salvarte e salvarme un día con ousadía te arriscaches
a aproximarme. Pero non te deixes envurullar. Por favor, eu non preciso que ti
te afogues nin que coma min te fagas. Necesítote libre. Precisamos saír os
dous. Con feridas, tal vez. Pero saír á luz e así vivir de novo. E cadanseu
realizar o seu proxecto vital.
E logo, déixame libre para avanzar. Protéxeme coa túa mirada sempre
animadora mentres te gozas de verme rexurdir de novo. Irei erguendo o voo. E
desde o horizonte, lonxano, seguirémonos mirando en liberdade, ambos
emocionados, porque volvín a ser eu mesmo pero renovado. Axudáchesme a ser un novo “Xoán Salvador Gueivota”.
Desde o miradoiro do tempo e do espazo sigo ollando os teus acenos de
aplauso. Estiveches ao meu lado cando te necesitei. Nunca me pediches nada a
cambio. Sempre me deches liberdade para autovalorarme e autorrealizarme.
A isto os entendidos chámanlle EMPATÍA.
Eu estouche agradecido e lévote no corazón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.