domingo, 18 de abril de 2010

E BENDITAS SEXAN ESAS TÚAS MANS


E BENDITAS SEXAN ESAS TÚAS MANS

XAQUÍN CAMPO FREIRE, 12-04-2010.

José, 93 anos, foi sempre o que se di 'un manitas'. Un chapuzas? Non. Non te equivoques. Foi un home que soubo poñer as súas mans para deixalo todo novo. E cando isto xa non era posible, el arranxáballas/llelas para que a cousa seguise funcionando. Sempre o vía a punta a todo.

A súa ansia de meter as mans levouno a perder o dedo polgar da súa man dereita. E, como sempre foi un manitas, ese foi momento en que lle tocou arranxar as súas mans. Mellor dito, arranxarllas/llelas coas súas mans para seguir sendo o dos mil saberes: Un perfecto 'mil mañas' que dicimos por estes pagamentos.

O ano pasado enfermou María, a súa señora, a dos cen anos cumpridos. E as súas mans entraron por primeira vez en grave crise e con elas toda a súa persoa. Todo el se viu sumido en profunda tristura. Era a primeira vez que as súas mans non lle servían para arranxar esta nova situación. Sentiuse inútil e chegou a encamar. Un forte catarro, froito probablemente dunha visita ao hospital e dos contrastes co frío e a calefacción, foi quen cargou aparentemente coas culpas da etioloxía morbosa que o desestabilizar. Pero a verdadeira causa estaba no pesadume do seu corazón.

María -tivera unha embolia cerebral- achábase inconsciente e paralítica en cama. Pasados uns meses, coa chegada do verán, foi apreciando certa melloría. Recobrou o seu prácido sorriso e dicía palabras inconexas. E mostrábase moi receptiva ás mostras de afecto dos demais.

E aquí, de novo, José recuperou as súas mans. Caricias, xestos, mans entrelazadas, palabras bonitas,...

E María, non sabemos se entendía, pero si sorría de novo e era enormemente receptiva ao percibir as mostras de ternuras e de amor.

Coa chegada do inverno, un día, sen avisar e ao atardecer, deixounos silenciosamente.

José acolleu a súa marcha con serenidade e enteireza. Por fin, puidera baixar de novo por ela as súas mans, tenras e cariñosas. As súas mans puideran falar de novo e estaba satisfeito. A linguaxe das mans é insubstituíble.

Durante nove domingos quixo vir a ala Iglesia para intercambiar con María, nun novenario de semanas, unha terapia de acción de grazas pola súa resurrección definitiva en Cristo. Esa é a súa fe experiencial e indiscutible. Pasaba, e segue pasando, previamente polo Cemiterio parroquial para bendicir coas súas mans toda a vida de María e inclinándose con reverencia deixábase bendicir por ela.

Agora está a vivir con moita paz, gozosamente, en todos os momentos do día un nova dimensión do seu matrimonio: A presenza espiritual -real- de María. Para el é verdade aquilo de "sen que a morte nos separe".

Segue vindo a misa os domingos, como fixo toda a súa vida. Hai un mes pasounos revista detallada ao templo, sancristía e inmediacións. Achou uns candeeiros altos de madeira nobre e de boa calidade un pouco abandonados. "Isto necesita ser restaurado", díxonos moi seriamente a todos. "Eu podo facelo e vounos levar ao taller que aínda teño na casa ". Por suposto, todos, admirados, abrimos gozosamente os ollos e demos a nosa aprobación.

José - 93 anos - recuperou as súas mans. Viuse de novo útil dentro da súa comunidade.
"Este non para", díxolle galantemente unha anciá, un pouco máis nova. El recolleu con gusto o piropo e deu as grazas a todos.

Benditas as mans da persoa humana. Na nosa terra aínda é costume velas entrelazadas cun rosario cando se despiden, como pasou con María. Son mans de bendición por toda unha vida vivida en común.

Moitas veces no tanatorio invítanme a facer unha oración.  Despois dun silencio de interiorización e pacificador, suxiro os familiares que contemplen as súas mans e se deixen bendicir. Axudaraos nos tempos sucesivos a xestionar mellor as perdas e recuperar a presenza espiritual, resucitada e resucitadora. Unha paz emocionada, entrecruzada de bágoas e de recordos agradecidos, serénanos a alma que tamén devolve bendicións.

José, bendizo as túas mans de ancián de 93 anos. Con elas loitas por seguir presente facendo o ben e non te rendes.  Se. Bendicimos as túas mans. Dende Mandiá, un abrazo de todos. Querémosche amigo. Segue así.


REFLEXIÓN.

Está moi desenvolvida a teoloxía das mans na Sagrada Liturxia e iso é marabilloso. Mas non temos tan estudada, escrita e valorada a teoloxía do sacramento das mans no secular. "O valor do secular", díxonos o Concilio Vat. II.

Cometemos un pecado grande de omisión. Logo queixámonos de que son outras ideoloxías os que si poñen en valor as realidades terreas e saben valorar o manual. Deamos grazas a Deus.

É por iso que eu quixen presentar este pequeno artigo-reflexión, para os meus fregueses, sobre José, Picos, 93 anos, e sobre a súa realidade actual que a todos nos alcanza coa súa sacramentalidade do traballo manual, do amor, da tenrura, da bendición e da súa expresiva e riquísima xesticulación. Entenderon canto ben de Deus hai en cada un de nós. Canta sacramentalidade creadora realizan cada día. Como os valora Deus. Os humanos a iso chamámoslles traballos servís.  Será porque son os que de verdade “serven”?

E ao tempo, creo que esta teoloxía tamén é profundamente adecuada para este Curso da "Asistencia espiritual ao final da vida”, onde á hora de coidar e atender as mans de todos son poucas e han de confluír para poder percibir nas atencións e coidados as caricias do Bo Deus.

Porque é na vida real, polo sacramento das mans, por quen está presente en todo momento o Deus grande e amoroso que se fai salvación na acción creadora e salvadora de cada home e de cada muller nas súas accións, nos seus rezos e pregarias, nas súas danzas ou nos seus berros de clamor.

Curiosamente, a eles chamámoslles os traballadores "manuais". Pero logo parece que só as mans consagradas do Papa, dos bispos e dos curas fan presente a Deus na vida E venerámolas e bicamos con reverencia. Tamén valoramos máis aos que denominamos como de “colo branco” ou profesións liberais.

Mas San Xosé foi un “manual”. E tamén o Suso, o “do Carpinteiro de Nazaré”.  María arranxou toda a vida do fogar.  Recolleu, en sangue, nas súas mans ao Cristo morto e alentou nos discípulos, tamén coas súas mans, a presenza resucitada.

Importa que cambiemos as actitudes profundas cando ollamos para as mans das nosas nais, pais, nenos e anciáns, dos nosos obreiros, labregos e mariñeiros, dos que mesmo piden unha esmola, para os mestres ou para os que van de guiandeiros.  Son mans creadoras, consagradas e de consagración en cada momento do día. É interesante a este respecto o valor do sacramental que expón LEONARDO BOFF en Os sacramentos. Signos de vida. Ronsel, S.A. Barcelona 1963.

A HOAC danos unha grande lección na valoración de fe, a visión de Cristo, do mundo “manual” e da súa intrínseca dignidade. A Doutrina Social da Igrexa é rica e merece ser máis coñecida e actuada neste aspecto.

San Camilo de Lelis, un laico e traballador manual, (sacerdote moi tardíamente), descubriu persoalmente o grande sacramento das súas mans, a través das cales facía presente ao Cristo Samaritano: "Poñede máis corazón nesas mans", dicíalles aos seus discípulos e compañeiros.

Cando o Papa chegou de improviso a visitar o Hospital do “Santo Spirito”, non dubidou en facerlle esperar. Nese momento el tiña as súas mans adicadas a realizar o grande sacramento da curación do Cristo doente nun irmán, que, se o deixaba a medio facer, era ao mesmo Cristo a quen deixaba desamparado e preterido, por alguén, que aínda que representante de Cristo, podía agardar perfectamente.

E BENDITAS SEXAN ESAS TÚAS MANS.

********************

Creo importante completar con estas dúas citas:

1ª. - "Un dos xestos máis repetidos na celebración dos Sacramentos é a imposición de mans.

É este un xesto en verdade polivalente, coa elocuente expresividade dunhas mans que se estenden sobre a cabeza dunha persoa ou sobre unha cousa, a ser posible con contacto físico.

Pode indicar perdón, bendición, transmisión de forza... O seu sentido queda concretado polas palabras que o acompañan en cada caso: "eu absólvoche dos teus pecados", "envía, Señor, o teu Espírito sobre este pan e este viño", "enviou Señor a forza do teu Espírito sobre estes servos teu"...

A man foi sempre símbolo da forza, do traballo, da comunicación interpersoal: a man de Deus que obra proezas, a man do home que manda, que pide, que toca, que comunica... A man que quere expresar a transmisión de algo invisíbel."

"ALDAZABAL JOSÉ.- GESTOS Y SÍMBOLOS (I) Dossiers CPL 24 Barcelona 1986.Págs. 19-24).


2ª. -  "A man aberta de Cristo une as mans pechadas dos homes.

É a ponte de unión no Amor.
 Nós rezamos e vemos moitas persoas rezar o NOSO PAI tomados das mans.
Gustaríanos reflexionar sobre o profundo misterio que envolve a esas mans que se unen:

A man nova únese á man vella e, entre elas, crúzase a man eterna de Cristo.
A man débil únese á man forte e, entre elas, crúzase a man firme de Cristo.
A man branca únese á man negra e, entre elas, crúzase a man santa de Cristo.
A man trémula únese á man segura e, entre elas, crúzase a man sustentadora de Cristo.
A man axada une a man sedosa e, entre elas, crúzase a man experimentada de Cristo.
A man do médico únese á man do paciente e, entre elas, crúzase a man ensanguentada de Cristo.
A man do empregado únese á man do patrón e, entre elas, crúzase a man de mestre de Cristo.
A man da ignorancia únese á man da sabedoría e, entre elas, crúzase a man omnisciente de Cristo.
A man pecadora únese á man da graza e, entre elas, cruza a man do perdón de Cristo.
A man da vida únese á man da morte e, entre elas, crúzase a man redentora de Cristo.
Lamentablemente, soamente as mans pechadas non se unen a outras mans pechadas.
E, aínda así, entre elas se pode. É que entre elas se cruza a man aberta do Cristo!

Unha oración para as mans que coidan, que lavan e que curan todos os males.

Mans que todo ser humano espera ".


Para todos con desexos de moita protección do Pai.

(Anónimo)

Oración das Mans
Afortunado o home, afortunada a muller
que, ata o final, poden sentir
unhas mans facendo o ben.
A man que lava con atención.
A man que viste con coidado.
A man que peitea con amor.
A man que toca con respecto.
A man que consola co corazón

Ninguén pode vivir sen esa man,
que é tenra, que garda,
que protexe e irradia consolo
ata o final.
O ser humano anhela esa outra man.
Que cura todas as feridas,
que sanda todas as dores,
que enxuga todas as bágoas
que dá ás a ese amor,
sen o que ninguén pode estar.
(Leprosería de Micomeseng-Guinea E.).

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.