NO DÍA DAS NAIS,
PARABENS A MOITOS!
Xaquín Campo Freire.-
Narón, 28, 04-2010.
Veño de escoitar a noticia: Morreu unha nai en Vigo a pouco de dar a
luz. Así
de entrada, teño de
ser sincero: Non son en absoluto obxectivo neste tema. Miña nai morreu dunha forma
algo parecida. Mas iso foi no ano 1944. Nin sequera había penicilina e si moita
fame e tamén medos. Por esas datas, o Dr. Fleming viña de descubrir o grande
remedio contra das infecións
bacteriolóxicas. Pero xa non había nada que facer. E así o aceptamos con moita
coraxe e forza interior. Sabiamos que o futuro ía ser ben cruel connosco. E
foino. Pero estamos aquí. Porque o amor e a humanidade que nos mostraron en
toda a comunidade rural foi inmenso. Para todos eles, que foron moitos, grazas
infindas. Soubestes suplir moitas carencias. Grazas!
Agora, no 2010, cando lemos estes casos, non tan raros, caemos na conta
de que non somos deuses. De todos modos, cústanos aceptar e comprender como pode ser que no primeiro
mundo morra una muller nos intres de dar a vida. E no terceiro e cuarto mundos?
E na miseria, fame e sede? E nas guerras
e nas explotacións do mundo da muller? E que elas non son nais coma as nosas e
non lles doen os seus fillos? E non choran anticipadamente aos seus orfos?
O día da nai celebrámolo con moitos agasallos e moitos parabéns. Con moita festa. Que
marabilla! E tamén adicamos un recordo
moi fondo e tenro para as que xa nos deixaron definitivamente. Uns poñen ramos,
outros crean expresións literarias ou mesmo musicais. Aos que somos crentes a
fe préstanos unha forma axeitada de vincularnos dunha maneira viva desde unha
presenza espiritual sempre inmorrente. Hai unha esperanza.
O elemento festivo enche o ambiente e é mellor así. Mas no día seguinte
e en todos os días do ano non podemos esquecer isto: Dar a vida, custa a vida. Tanto se se morre no intento, coma se se
vai facendo pouco a pouco. Porque morrer tamén e ver morrer. E ver morrer os
fillos é peor que morrer un mesmo. Principalmente cando a morte non ten sentido
ou, peor aínda, cando a vida vai por vieiros de morte, desas mortes que non
debían ser. Impresionoume, nunha visita ao cárcere, ver os nenos de nais presas
que estdentro da prisión. E dixo Curros: “se este é o mundo que Eu fixen,.....
Teño que confesar que chorei. Unha nai nunca debera estar na cadea e os nenos
endexamais!
Que bonito é felicitar ás mamás e ás avoas e trasavoas nestes días.
Para elas, as miñas e as nosas mellores mostras de cariño e as meirande
tenruras. De todo sodes merecentes.
Mas, malia que vaia a contracorrente e se me acuse de non seguir a
tendencia do pensamento positivo do Dr. Seligman, de quen son un afervoado
seguidor, permítaseme que neste día me poña na fila dos que teñen o corazón
ferido. Iso non quer dicir que avogue polo pesimismo. Todo o contrario. Só
quero salientar ese outro grupo grande de nais de todos nós que queren acoller
e recibir unha lembranza sentida e ao mesmo tempo unha promesa de facerlles
honor á súa vida entregada, dorosa e dorida, que loitando bravamente pola vida
deixaron a vida en nós plantada. De non ser así, de non sumarnos á súa causa,
silenciosa e silenciada, mesmo traizoariamos a súa fonda razón de ser nais: Deron
a vida para que a vida non esmorecera con elas.
Para vós, nais de todos os tempos e idades, de todas as terras lugares,
para vós, queridas nais, sempre un amor. O que vós nos destes. Para vós un bico
e unha pregaria confiada e agradecida. E por cima de todo, respectaremos e defenderemos
canto acompañe sempre á maternidade. Sempre de vós
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.