domingo, 10 de octubre de 2010

A SEGUIDORA FIEL DE XESÚS

A SEGUIDORA FIEL DE XESÚS

     Os evanxelistas presentan á Virxe con trazos que poden reavivar a nosa devoción a María, a Nai de Xesús. A súa visión axúdanos a amala, meditala, imitala, rezala e confiar nela con espírito novo e máis evanxélico.
    María é a grande crente. A primeira seguidora de Xesús. A muller que sabe meditar no seu corazón os feitos e as palabras do seu Fillo. A profetisa que canta ao Deus, salvador dos pobres, anunciado por El. A nai fiel que permanece cabo do seu Fillo perseguido, condenado e executado na cruz. É a testemuña de Cristo resucitado, que acolle, canda aos seus discípulos, o Espírito que acompañará sempre á Igrexa de Xesús.
    Lucas, pola súa parte, invítanos a facer noso o canto de María, para deixarnos guiar polo seu espírito cara a Xesús, pois no  "Magníficat" brilla en todo o seu esplendor a fe de María e a súa identificación maternal co seu Fillo, Xesús.
María comeza proclamando a grandeza de Deus: «O meu espírito alégrase en Deus, o meu salvador, porque mirou a humillación da súa escrava». María é feliz porque Deus puxo a súa mirada na súa pequeneza. Así é Deus cos sinxelos. María cántao co mesmo gozo co que bendice Xesús ao Pai, porque se oculta aos «sabios e entendidos» e revélase aos «sinxelos». A fe de María no Deus dos pequenos fainos sintonizar con Xesús.
    María proclama ao Deus «Poderoso» porque «a súa misericordia chega aos seus fieis de xeración en xeración». Deus pon o seu poder ao servizo da compaixón. A súa misericordia acompaña a todas as xeracións. O mesmo predica Xesús: Deus é misericordioso con todos. Por iso di aos seus discípulos de todos os tempos: «Sede misericordiosos como o voso Pai é misericordioso». Dende o seu corazón de nai, María capta coma ninguén a tenrura de Deus Pai e Nai, e introdúcenos no núcleo da mensaxe de Xesús: Deus é amor compasivo.
    María proclama tamén ao Deus dos pobres porque «derruba do trono aos poderosos» e déixaos sen o poder de seguir oprimindo; pola contra, «enaltece aos humildes» para que recobren a súa dignidade. Aos ricos reclámalles o roubado aos pobres e despídeos baleiros»; pola contra, aos famentos éncheos de bens» para que gocen dunha vida máis humana. O mesmo grixaba Xesús: «Os últimos serán os primeiros». María lévanos a acoller a Noticia de Xesús: Deus é dos pobres.
    María ensínanos coma ninguén a seguir a Xesús, anunciando o Deus da compaixón, traballando por un mundo máis fraterno e confiando no Pai dos pequenos.

José Antonio Pagola.- Traduciu: Xaquín Campo Freire

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.