jueves, 14 de octubre de 2010

O CLAMOR DOS QUE SOFREN

     A parábola da viúva e o xuíz sen escrúpulos é, como tantos outros, un relato aberto que pode suscitar nos oíntes diferentes resonancias. Segundo Lucas, é unha chamada a orar sen desanimarse, pero é tamén un convite a confiar que Deus fará xustiza aos que lle berran día e noite. Que resonancia pode ter hoxe en nós este relato dramático que nos recorda a tantas vítimas abandonadas inxustamente á súa sorte?
    Na tradición bíblica a viúva é símbolo por excelencia da persoa que vive soa e desamparada. Esta muller non ten marido nin fillos que a defendan. Non conta con apoios nin recomendacións. Só ten adversarios que abusan dela, e un xuíz sen relixión nin conciencia ao que non lle importa o sufrimento de ninguén.
    O que pide a muller non é un capricho. Só reclama xustiza. Esta é a súa protesta repetida con firmeza ante o xuíz: «Faime xustiza». A súa petición é a de todos os oprimidos inxustamente. Un berro que está na liña do que dicía Xesús aos seus: "Buscade o reino de Deus e a súa xustiza".    
    É certo que Deus ten a última palabra e fará xustiza aos que lle berran día e noite. Esta é a esperanza que acendeu en nós Cristo, resucitado polo Pai dunha morte inxusta. Pero, mentres chega esa hora, o clamor dos que viven berrando sen que escoite ninguén o seu berro, non cesa.     
    Para unha grande maioría da humanidade a vida é unha interminábel noite de espera. As relixións predican salvación. O cristianismo proclama a vitoria do Amor de Deus encarnado en Xesús crucificado. Mentres tanto, millóns de seres humanos só experimentan a dureza dos seus irmáns e o silencio de Deus. E, moitas veces, somos os mesmos crentes os que ocultamos o seu rostro de Pai velándoo co noso egoísmo relixioso.
    Por qué a nosa comunicación con Deus non nos fai escoitar por fin o clamor dos que sofren inxustamente e nos berran de mil formas: "Facédenos xustiza"? Se, ao orar, nos atopamos de verdade con Deus, cómo non somos capaces de escoitar con máis forza as esixencias de xustiza que chegan ata o seu corazón de Pai?
    A parábola interpélanos a todos os crentes. Seguiremos alimentando as nosas devocións privadas esquecendo aos que viven sufrindo? Continuaremos orando a Deus para poñelo ao servizo dos nosos intereses, sen que nos importen moito as inxustizas que hai no mundo? E se orar fose, precisamente, esquecernos de nós e buscar con Deus un mundo máis xusto para todos?


José Antonio Pagola.- Traduciu: Xaquín Campo Freire.
 Rede evanxelizadora BOAS NOTICIAS
Fai que se escoite o clamor dos que sofren. Pásao.    17 de outubro de 2010
29 Tempo ordinario (C)
Lucas 18,1-8    

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.