DES-ALMADOS
XAQUÍN
CAMPO FREIRE.- FONTE DA CRUZ, 25-01-2011.
A “Perica” era atolada e moi larpeira. Un neno de sete
anos arma moi pouco e a vaca ben o sabía.
Miña tía tivera un derrame cerebral e había que atendela
en todo momento. Meu avó tiña 94 anos.
Miña irmá, a maior, tiña 11 e de súpeto tivo de converterse en ama de casa e
atender ás outras dúas nenas de 5 e 2 anos e á enferma. A nosa nai e o noso
irmanciño pequeno finaran había uns meses. Esa era a nosa realidade
existencial.
Aquel era un día de moito apuro. Tiñamos xente de fóra
axudando non sei agora en que traballos dos que se facían en común. O noso pai
andaba moi triste e non daba feito. Por iso me pediu que me fixese cargo aquel
día das catro vacas na Pena do Bueiro. Eu entendía ben o problema. Pero a
Perica escapoume e foi larpar,
atrapallar e larfar os nabos á Leira do Camiño, a do tío Rufino de Pedra Pequena. Por máis que corrín,
a vaca fixo un verdadeiro estrago. E para que a desfeita fora menos visíbel
arrinquei como unha ducia de nabos ao salteado e cun canoto grande
transplanteinos de espicho. Cousas dun neno de sete anos! Ao día seguinte
estaban pampos. As pegadas da vaca marcaban o recorrido e os nabos comidos
daban conta da zaragallada. Fíxena boa! Eu falláralle ao meu pai. Tiven medo.
Calei. Non dixen nada na casa. Non quería engadir máis tristezas.
Pasados tres días, chegou á casa Rufino moi enfadado.
Relatoulle a meu pai toda situación e coa aguillada na man pretendía que meu
pai me breara para darme un bo escarmento.
- “Mira Rufino, vas a miña Leira do Cuco e, cando queiras,
apáñala toda enteira. O de pegarlle ao neno, permíteme que sexa da miña
exclusiva responsabilidade. Xa me abonda coa que me está caendo”. Así lle falou
o meu pai con moita seriedade.
A tía Sabina de Agramonte era costureira. Estaba na casa
arranxándonos roupa, pois non tiñamos quen nolo fixera. Nunca vin unha muller
con tanta enerxía. Erguese e púxolle os puños na cara a Rufino. Díxolle que era
un malnacido e chamoulle desalmado.
Foi a primeira vez que eu escoitei esa palabra. E entendina.
Por qué me ven agora á memoria este sucedido da miña
infancia? Vou reproducir un titular que lin hai días pasados:
“Yo sé que en la política hay gente
capacitada, honesta, trabajadora y comprometida”. “Pero no
me engaño. También, hay muchos desalmados
que especulan con el bien ajeno, con las riquezas nacionales y con la Madre
Naturaleza¡”
Consultei a definición da RAE: “Desalmado, da. (Del part. de desalmar) 1. adj. Falto
de conciencia. 2. adj. Cruel,
inhumano. 3. adj. ant. Privado
o falto de espíritu.”
E pensei na forma de tratar a lingua
e cultura galega por parte dos políticos da nosa Comunidade e mesmo do Estado.
Incluso por un grande sector da poboación. Noutro dicionario aparece a etimoloxía: “Sen alma”. E decateime de que a un
pobo non lle pode pasar cousa peor do que perder a alma. Estaremos sendo todos
uns ‘des-almados’? Estaremos todos vendendo a nosa alma ao diaño?
Asistimos a cotío ao espectáculo de como ante o patrimonio
espiritual común e secular da nosa Comunidade entran estes señores como a
“Perica” no nabal. Fan unha auténtica desfeita. Abusan de que un neno orfo, un
pobo avellentado, é quen ten a misión de coidalo. Non teñen paraxe. Só deixan
detrás as pegadas das súas malas artes e poñen a andar todas as aguilladas para
brear á nosa cultura, á nosa lingua, aos nosos nenos, e a toda a cidadanía, quen medorentos,
calamos, calamos e calamos.
Corremos aceleradamente a ficarmos todos DES-ALMADOS.
Cantos Rufinos de Pedra Pequena todos os días! Pegar, brear, destruír, arrasar!
Só saben facer iso: DES-ALMAR! Cando
aparecerá unha tía Sabina de Agramonte que nos diga e lles diga: DES-ALMADOS!
Esperta pobo galego que te deixan sen-alma!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.