viernes, 11 de febrero de 2011

AMAR A QUEN NOS FAI DANO

AMAR A QUEN NOS FAI DANO

    A chamada a amar é sedutora. Seguramente, moitos escoitaban con agrado o convite de Xesús a vivir nunha actitude aberta de amizade e xenerosidade cara a todos. O que menos podían esperar era oílo falar de amor aos inimigos.
    Só un tolo lles podía dicir con aquela convicción algo tan absurdo e impensábel: «Amade os vosos inimigos, rezade polos que vos perseguen, perdoade setenta veces sete... »  Sabe Xesús o que está a dicir?  É iso o que quere Deus?
    Os oíntes escoitábano escandalizados.  Esquece Xesús que o seu pobo vive sometido a Roma?  Esqueceu os estragos cometidos polas súas lexións?  Non coñece a explotación dos campesiños da Galilea, indefensos ante os abusos dos poderosos terratenentes?  Cómo pode falar de perdón aos inimigos, se todo os está a invitar ao odio e a vinganza?
    Xesús non lles fala arbitrariamente. O seu convite nace da súa experiencia de Deus. O Pai de todos non é violento senón compasivo. Non busca a vinganza nin coñece o odio. O seu amor é incondicional cara a todos: «El fai saír o seu sol sobre bos e maos, manda a choiva a xustos e inxustos». Non discrimina a ninguén. Non ama só aos que lle son fieis. O seu amor está aberto a todos.
    Este Deus que non exclúe a ninguén do seu amor, hanos de atraer a vivir como el. Esta é en síntese a chamada de Xesús. "Parecédevos a Deus. Non sexades inimigos de ninguén, nin sequera dos que son os vosos inimigos. Amádeos para que sexades dignos do voso Pai do ceo".
     Xesús non está a pensar en que os queiramos co afecto e o co cariño que sentimos cara aos nosos seres máis queridos. Amar o inimigo é, sinxelamente, non nos vingar, non lle facer dano, non lle desexar o mal. Pensar, máis ben, no que pode ser bo para el. Tratalo como quixésemos que nos tratasen a nós.
    É posíbel amar o inimigo? Xesús non está a impoñer unha lei universal. Está a invitar aos seus seguidores a parecernos a Deus para ir facendo desaparecer o odio e a inimizade entre os seus fillos. Só quen vive tratando de identificarse con Xesús chega a amar aos que o queren mal.
    Atraídos por el, aprendemos a non alimentar o odio contra ninguén, a superar o resentimento, a facer o ben a todos. Xesús invítanos a «rezar polos que nos perseguen», seguramente, para ir transformando pouco a pouco o noso corazón. Amar a quen nos fai dano non é doado, pero é o que mellor nos identifica con aquel que morreu rezando polos que o estaban a crucificar: "Pai, perdóaos porque non saben o que fan".  
José Antonio Pagola.- Traduciu: Xaquín Campo Freire.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.