viernes, 11 de febrero de 2011

ENTENDER AS LEIS COMA XESÚS

ENTENDER AS LEIS COMA XESÚS

    Os xudeus falaban con orgullo da Lei de Moisés. Era o mellor regalo que recibiran de Deus. En todas as sinagogas gardábana con veneración dentro dun cofre depositado nun lugar especial. Nesa Lei podían atopar canto necesitaban para ser fieis a Deus.
    Xesús, non obstante, non vive centrado na Lei. Non se dedica a estudala nin a explicala aos seus discípulos. Non se lle ve nunca preocupado por observala de xeito escrupuloso. Certamente, non pon en marcha unha campaña contra da Lei, pero esta non ocupa xa un lugar central no seu corazón.
    Xesús busca a vontade de Deus dende outra experiencia diferente. Sente a Deus tratando de abrirse camiño entre os homes para construír con eles un mundo máis xusto e fraterno. Isto cámbiao todo. A lei non é xa o decisivo para saber que espera Deus de nós. O primeiro é "buscar o reino de Deus e a súa xustiza".
    Os fariseos e letrados preocúpanse de observar rigorosamente as leis, pero descoidan o amor e a xustiza. Xesús esfórzase por introducir nos seus seguidores outro talante e outro espírito: «se a vosa xustiza non é mellor do que a dos escribas e fariseos, non entraredes no reino de Deus». Hai que superar o legalismo que se contenta co cumprimento literal de leis e normas.
    Cando se busca a vontade do Pai coa paixón coa que a busca Xesús, sempre se vai máis alá do que din as leis. Para camiñar cara a ese mundo máis humano que Deus quere para todos, o importante non é contar con persoas observantes de leis, senón con homes e mulleres que se parezan a el.
    Aquel que non mata, cumpre a Lei, pero se non arrinca do seu corazón a agresividade cara ao seu irmán, non se parece a Deus. Aquel que non comete adulterio, cumpre a Lei, pero se desexa egoistamente a esposa do seu irmán, non se asemella a Deus. Nestas persoas reina a Lei, pero non Deus; son observantes, pero non saben amar; viven correctamente, pero non construirán un mundo máis humano.
    Temos de escoitar ben as palabras de Xesús: «Non vin para abolir a Lei e os profetas, senón para dar plenitude». Non veu botar por terra o patrimonio legal e relixioso do antigo testamento. Veu «para dar plenitude», para ensanchar o horizonte do comportamento humano, para liberar a vida dos perigos do legalismo.
    O noso cristianismo será máis humano e evanxélico cando aprendamos a vivir as leis, normas, preceptos e tradicións como os vivía Xesús: buscando ese mundo máis xusto e fraterno que quere o Pai.

José Antonio Pagola. - Traduciu: Xaquín Campo Freire.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.