A LENDA DO
“CRISTO ELÉCTRICO” DE MANDIÁ
XAQUÍN
CAMPO FREIRE. 11-09-2012
0 23 de agosto de 2012 no Diario
de Ferrol, na sección OPINIÓN, páxina 22,
aparece esa fotografía da autoría de don Jorge Meis, acompañada
desta breve nota:
“CÁMARA VIAJERA. Cristo
eléctrico. El
crucifijo de la imagen lleva mucho tiempo en Mandiá. Quien lo haya
puesto muestra, se intuye, la suficiente devoción como para utilizar
un poste de la luz y la sujeción de la cajas eléctricas para
fijarlo, como si de un moderno ≪cruceiro≫
se tratase. Más de un consagrado artista no lo hubiese, tal vez,
hecho mejor.”
Cando algo se converte en lenda, normalmente, non se lle
saben ben as orixes exactas. E, loxicamente, a imaxinación popular
ou alguén interesado bótase na procura dunha explicación probábel
que seguramente non vai coincidir coa realidade dos feitos tal como
foron en si.
Como naceu este “Cristo eléctrico”? Por que foi
parar alí? Cóntanolo D. Miguel Lorenzo Pérez, 86 anos, veciño de
A Cruz, Mandiá, Ferrol. Velaquí o relato:
“Hai algo máis de seis anos, un día, ao ir botar
algo no lixo, vin alí tirado no contedor un crucifixo. Cada un ten
a súa maneira de pensar. Mas eu tiven claro que aquel sitio non era
o apropiado para ese obxecto relixioso. A min polo menos aprendéronmo
doutra maneira. Recollino. E comenteino coa veciña, Dª Sefa Díaz,
agora xa finada. Ela ofreceuse para darlle unha boa limpeza.
Onde poñelo? Se o recuperei do común, deberá ser
exposto en algún sitio común. E pareceume que ese era un sitio
axeitado. E leva alí xa vai para sete anos”.
“Por outra parte, se nós somos e nos chaman o rueiro
ou a aldea de A Cruz,
temos dereito a ter o noso “Cruceiro”, por máis que el sexa
modesto. Non será que o noso Señor se quixo valer desta casualidade
para atopar o seu sitio aquí entre nós?”
“E agora que penso, tampouco está mal o título que
lle deron no xornal: ≪O
Cristo eléctrico ≫.
Se Xesús se presentou como luz do mundo, unha forma de chegar a
todas as casas é pola rede eléctrica. E nela atopou o seu sitio. E
de paso solidarizámonos con todos os traballadores deste sector e
coas súas familias onde moitos corren riscos serios e mesmo morren.”
Este foi o “milagre” do Cristo eléctrico recuperado
do contedor do lixo no rueiro de A Cruz en Mandiá.
Nos tempos que corren teriamos de ser moi dilixentes en
recuperar infinidade de cristos viventes que todos, a sociedade, os
gobernados e os gobernantes, os explotadores e os tiranos de todas as
mafias botamos a cotío, máis agora na crise, como lixo do mundo en
tantos contedores, tamén entre nós: velliños sós, cárceres,
clubes, eurovegas, etc.
O Cristo da luz non reduciría escolas nin escolantes,
non quitaría sanidade onde nacer e dar a luz. El que se ocupou de
cegos, coxos e enfermos non deixaría sen axuda sanitaria e sen
remedios a tantos inmigrantes e sectores empobrecidos de entre nós.
Moitas grazas ao noso veciño honorábel, Don Miguel
Lorenzo Pérez, 86 anos, que nolo veu explicar na misa da Patroa,
Santa Uxía. A nós aportounos esta reflexión, esta ensinanza.
Queremos compartila. Se vos vale, aí está a orixe.