XAQUÍN
CAMPO FREIRE.- SANTA UXÍA DE MANDIÁ, SETEMBRO 2O12.
Once de setembro. Imos ter festa. Quero achegar algo referente á
nosa historia que vén de moi antigo. Somos “O Señorío de Mandiá”
foi importante na Galiza. (Vila Mandilanis, O Casal de Mandila).
Desta familia foron oriúndos dous célebres bispos: Don Rodrigo de
Mandiáa e D. Xosé Francisco Bermúdez de Mandiá. O primeiro, un
excelente xurista e o sobriño neto, un bo teólogo bíblico.
Deixaron escritos moi importantes. A Enciclopedia Galega fálanos
deles.
Máis persoeiros de Mandiá? Primeiro, os veciños de toda a vida. E,
modernamente, D. Manuel Comellas, fundador e director de “El Correo
Gallego”. Ten unha rúa en Ferrol Vello.
Segundo os xornais, Uxía é un dos nomes preferidos para as nenas.
Primeiro escollen o nome e, xa medrada a criatura, chegan á
parroquia preguntando pola vida da santa, día do onomástico, orixe
e significado, persoas célebres que levaron tal nome, lugares do
mundo que se chaman así, etc. Mas, disto xa tratamos en anos
anteriores. Nesta xeira imos pararnos só na palabra Uxía para
coñecer mellor este fermoso nome de home ou muller. Que nos din os
especialistas? O profesor FERRO RUIBAL X. et al., no Diccionario
dos nomes galegos, Ir Indo, Vigo 1992, pp. 515-516, dan estes
datos:
«UXÍA/UXÍO.- VARIANTES: Euxenio. Euxenia. Euxeo. Euxea. Oxea.
HIPOCORÍSTICOS: Xenia. Xeniña. ÉTIMO: A forma masculina deriva do
grego Eugheneios, de eu... “ben, bo” e genos, “nacemento,
orixe”: “ben nacido, de boa caste”, a través do latín
Eugenius. A forma feminina grega Eughenía (latín Eugenia)
seguramente non é un feminino creado sobre o nome persoal masculino,
senón unha formación más antiga que parte do substantivo abstracto
Eughéneia, poeticamente eughenía “nobreza de nacemento”. Desta
forma acentuada no i procede a forma feminina galega; a masculina
formouse posiblemente por analoxía con ela.»
FAMILIA DE PALABRAS. Elas, coma nós, tamén teñen familia e
tamén están de festa. Percorramos xuntos diversos dicionarios e
enciclopedias para saberlles a parentela:
EUXENÍA-: Palabra composta de -eu
e xénese. Bo nacemento. (EU... :
Prefixo grego de composición de palabras que designa bondade,
excelencia, perfección.XÉNESIS: xeramento,
orixe).
EUXENIA.- s. f. Biol. Estudo e cultivo das condicións que
poden mellorar as condicións e as calidades das xeracións
vindeiras. // Aplicación racional das leis da xenética á
reprodución humana, preconizada polo naturalista inglés Francis
Dalton ( 1822- 1911), co fin de obter a mellora das estirpes, tanto
no punto de vista físico como mental. // Figura alegórica que
representaba a antiga nobreza grega. (Do grego: eugenía, bo
nacemento)
EUXENIA.- f. Bot. Xénero de plantas mirtáceas, cuxas
especies, máis de medio milleiro, medran nas rexións moi cálidas.
EUXENIA.- f. Astr. Asteroide número 45 da serie, descuberto
por Goldschmidt no ano 1857.
EUXENESIA.- f. Biol. Ciencia que estuda a mellora, desde o
punto de vista biolóxico, dos individuos dunha especie vexetal ou
animal.-// Aplicación das leis biolóxicas da herencia ao
perfeccionamento da especie humana. (Do grego: eu..., bo,
boa; e génesis: xeramento, orixe)
EUXENÉSICO, CA.- adx. Pertencente ou relativo á euxenesia.
Que presenta boas condicións para producir boa descendencia, capaz
de mellorar a raza.
EUXÉNICO, CA.- adx. Quím. Dise dun ácido que se obtén
oxidando a esencia de cravo e que se usa na medicina, especialmente
en odontoloxía como anestésico.
EUXENISIS.- f. Astr. Asteroide número 743 da serie,
descuberto por Kaiser en 1913.
EUXENISMO. m. Estado favorábel da herencia que tende a
producir unha existencia favorábel e feliz. Relativo á eugenía.
EUXENISTA.- n. m. e f. Persoa que practica, exerce ou estuda
a euxenesia.
EUXENOL.- m. Quím. Nome que se lle dá ao ácido euxénico.
EUXERIA. Mit. Diosa a quen as damas romanas facían
sacrificios para que as preservase durante a súa preñez e lles
procurase un parto bo e feliz.
CONCLUSIÓN: “BEN NACIDO/A, DE BOA CASTE”. Así somos nós
e queremos seguir sendo. Como se deixa ver vale a pena chamarse UXÍA
ou UXÍO. Desde moitos séculos nós levámolo con honra e fachenda
na Parroquia de Mandiá-Ferrol. Para iso ela é a nosa Padroeira.
Sigamos escollendo ese nome para os nosos nenos/as. É ben eufónico,
poético e musical. E na forma galega , como din os rapaces,
“mola”. Que haxa festa e esa sexa boa!