O
PERFIL DE UXIO COMO PERSOA COMPROMETIDA
CO
EVANXEO E CO PAÍS
HOMENAXE
A D. UXÍO GARCÍA AMOR.-
VILALBA, 17-10-2012.
XAQUIN
CAMPO FREIRE. FONTE DA CRUZ, NARÓN.
Saúdos
primeiramente para o benquerido D.Uxío e para vostedes señoras e
señores.
Grazas
a D.Alfonso Blanco
Torrado e a Asociación Xermolos de Guitiriz por terme encomendado
esta tarefa de honra.
Grazas
a D. Xulio Xiz pola súa sempre intelixente e esmerada presentación
do acto.
E
postos a soñar eu gostaría agora de estar escoitando aquí a D.
Xosé Chao Rego entrañábel amigo, compañeiro e profundo coñecedor
e admirador de D. Uxío. Tamén o amigo Bernardo García Cendán
debera estar ocupando esta cátedra.
Pero
a vida é como é e tócame a min achegarme hoxe e aquí a vida deste
admirado sacerdote desde outra posición, a do alumno que vai
rastrexando as pegadas que o insigne e humilde profesor vai deixando,
case coma quen pide perdón, quen mesmo por iso é admirado de todos
os que tivemos a sorte de telo como formador.
Uxío
García Amor, nace en Sante hai 84 anos, o 07-11-1928, municipio de
Trabada, nunha das dúas variantes do Camiño Norte que entra en
Galicia.
Entrou
no Seminario de Mondoñedo por suxestións que lle facía con
frecuencia ao seu pai o cura de Abres, parroquia da marxe dereita do
río Eo. Unha zona na que as Asturias e a Galicia se reparten as
ribeiras fluviais.
Aqueles
consellos foron tidos en conta e o rapaciño ingresa no Seminario
Conciliar de Santa Catarina de Mondoñedo no ano 1940. «Gustábame
estudar, e era case a única oportunidade que tiñamos», dixo en
algún momento.
Eran
anos de aprendizaxe e tamén tempos de posguerra e penuria. Os
alumnos tiñan de levar a comezos do curso una fanega de trigo, que
axudaba a alimentar o corpo e tamén parecía nutrir o ánimo:
«Pasábase ben, con boas ilusións e ánimo de seguir».
A
comezos do curso 1945-1946, con case 17 anos, foi enviado a Roma pola
diocese para iniciar os seus estudios de Filosofía na Universidade
Gregoriana. E, previo o curso propedéutico, consegue a laurea en tal
disciplina. Posteriormente cursou na mesma Universidade os cursos de
Teoloxía que conclúen co grado de licenciatura. O 19-03-1953, aos
seus 25 anos, foi ordenado sacerdote na capela do Colexio Español de
San Xosé en Roma, sito daquela no Palazzo
Altemps. No curso seguinte inicia os
estudos no Instituto Pontificio Bíblico da Cidade Eterna onde en
dous anos consegue o grao de licenciado en Sagrada Escritura. As súas
notas foron sempre: “Summa cum laude”.
En
Roma fica del unha lembranza inesquecíbel na Universidade
Gregoriana, no Pontificio Instituto Bíblico, no Colexio Español de
San Xosé e na Academia Pontificia de Música Sacra. Por bo estudante
e pola calidade humana.
Ao
seu Seminario de Mondoñedo chega de novo en setembro do curso
académico 1955-56 con esas tres licenciaturas traballadas
concienciudamente: Filosofía, teoloxía e ciencias bíblicas ou
Sagrada Escritura, que tanto ben ían facer a moitos.
Axiña
ven de ser nomeado profesor de Sagrada Escritura, Lingua e Literatura
española e universal, Grego, Francés, Música, Historia das Artes e
Arte Sacro, xunto coas funcións de director da Schola
Cantorum, Secretario de Estudos,
Vicerreitor do Seminario e Superior interno e formador no Seminario
Menor. Tamén Mestre de Capela na Catedral.
D.
Uxío formou parte dunha época e dun grupo de grandes figuras, que
con formación crítica, profunda e universal retornarían logo para
traballar nas súas dioceses de orixe
Cando
chegan aquí seguía sendo realidade aquilo de Machado: Españolito
que vienes al mundo, te guarde Dios. Una de las dos Españas ha de
helarte el corazón. Esa mesma España á
que tamén cantarían posteriormente Ana Belén e moitos outros:
“España
camisa blanca de mi esperanza
reseca historia que nos abraza,
a veces madre y siempre madrastra”.
reseca historia que nos abraza,
a veces madre y siempre madrastra”.
Serán estes, e moitos outros, os que irán
poñendo os alicerces para traballar a saída persoal, comunitaria e
colectiva da Longa noite de pedra
cara a un mundo máis libre, máis humanizado, máis culto, máis
democrático, máis xusto e menos caínita.
E
sobre todo serán estes os que saiban responder a un fito histórico:
Traballar, dixerir e espallar o Concilio Vaticano II. Na nosa diocese
serán Pepe Chao, Uxío García Amor, Fernando Porta, Gabriel Vázquez
Seijas, Cuco Ruíz de Cortázar e algúns outros, quen, co benquerido
bispo Don Jacinto Argaya ao fronte, levaron a cabo o inxente e
acertadísimo aggiornamento do
todo o clero e laicado diocesano, da nosa igrexa e da nosa sociedade
civil, como nos urxira aquel bo papa, Xoán XXIII e a Gaudium
et Spes.
Así cómpre recoñecelo e profesarlles inmensa gratitude.
O
Grupo Estría.
que aínda hoxe é punto de referencia para calquera historiador que
se prece, tivo en Roma moita actividade naqueles tempos. Abarcaba un
pouco todos os saberes da época. Nós, no seminario de Mondoñedo,
tivemos a honra de coñecer varios números da súa Revista
Estría e de gozar das excelentes
poesías deste noso benquerido profesor.
De
entre aqueles eu destacaría ao P. Luís Alonso Shökel
e ao sacerdote, escritor e periodista José
Luís Martín Descalzo. Naqueles foros de formación e cultura,
sempre foron grandes as loas para Uxío García Amor. Só lle
achacaban que non acentuase máis a súa asertividade,
xa que por timidez e excesivo perfeccionismo, o mesmo ca Rosalía,
non saca a relucir o moito que el sabe e o ben que o sabe facer.
El
sabe que estou contando a máis pura verdade. Por iso dicía no
comezo, quen me dese que fose Pepe Chao, o seu coetáneo por aqueles
lares, quen nolo contase hoxe aquí como testemuña máis directa e
con detalles máis pormenorizados.
En
época recente, eu tiven a oportunidade de vivir nese Colexio Español
onde celebraron o cincuentenario de homenaxe a toda aquela floración
de persoeiros que foron grandes biblistas, literatos,
políticos, músicos, poetas, bispos, etc.
El,
aínda hoxe, é convocado para intervir coas súas valiosas e
experimentadas achegas nas efemérides máis sobresaíntes. Contan
sempre con el como un activo de primeira clase.
Uxío
sabe de música e de gusto musical. Sabe de arte e de todas as belas
artes. Sabe como valoralas, como esculcar e escudriñar os
misteriosos segredos que os artistas souberon plasmar e expresar.
Aquilo do neno de Castelao: E logo quen lle dixo a vostede que dentro
desa pedra estaba esa muller tan fermosa?
Nas
súas preferencias literarias recoñece que varios autores teñen
influído nel, sen un predilecto en exclusiva. Ten confesado que
Antonio Machado, Celso Emilio Ferreiro ou Noriega Varela son voces
que resoan dentro del pola súa excelencia.
Un
profesor e académico da Española, Álvaro Porto Dapena, dixo de
Uxío “Esperaba
poder ler algunha composición do meu tamén inesquecíbel e querido
profesor D. Uxío García Amor, de quen non sabería dicir se é
mellor músico ou poeta. Os seus sonetos encantáronme”. (PORTO
DAPENA A, en Poetas
del Seminario mindoniense.-
Diario de Ferrol, 14 de outubro de 2007, p.14).
Sabe
de literatura, filosofía, teoloxía, ciencias bíblicas, oratoria,
xornalismo, política, arte sacra, etc. É un home ben do seu tempo
e formado para todos os tempos. Transcende o decorrer do tempo porque
navega en proa mirando sempre cara adiante e deixa detrás unha
estela que marca rumbo. E nese ronsel, por sorte, estamos nós.
Publicou
“Versos en mi vida”. “Sorprende
comprobar a solidez, a beleza formal, a intensidade dos contidos e a
conmovedora espiritualidade da obra poética que Uxío García Amor
foi construíndo ao longo de máis de medio século de escritura”.
Porén,
velaquí o xuízo del, modesto coma sempre: «Se valen de algo, aínda
que sexa como recordo agarimoso e familiar, xa me dou por
satisfeito”.
Outros escritos del:
- Xavier Méndez Pérez, músico da nosa terra.
- José Prieto Verdes. Na “familia de familias”.
- Daría Balea Méndez, a pedagoxía do corazón.
- Don Gabriel Pita da Veiga, home de Deus.
- Manuel Mejuto Sesto.
A obra escrita de D. Uxío é sumamente ampla pero está moi
espallada por infindas publicacións que xa darían ben para unha boa
tese de doutoramento se estivese ben dirixida. Algún día, dime o
corazón, que se fará realidade este estudo coa categoría que ben
merecen o autor, a súa vida e a súa obra.
Retomemos
a súa dedicación á música. Na Cidade Eterna profundou no
coñecemento e na aprendizaxe dunha das súas grandes paixóns: a
música, como xa se insinuou. As aulas de polifonía no Instituto de
Música Sacra son o anticipo de posteriores cargos xa citados: A
Schola Cantorum
do Seminario, Mestre de Capela na Catedral de Mondoñedo, director
de corais, Orfeón da Sociedade de Obreiros de Mondoñedo, Polifónica
Vilalbesa, na actualidade, etc. Son mostra das súas dotes para
cantar e harmonizar voces. Negra Sombra, a canción da que ten moi
bos recordos como director do orfeón da cidade episcopal. Sen deixar
de lado as foliadas ou composicións como Velaí vai. Da etapa de
Vilalba son La caracola e El mar muerto .
Isto
ven a conto de que con tantos anos de sacerdocio a evolución na
música foi grande e os cambios afectaron tamén á música
relixiosa. Lonxe de fosilizarse nostalxicamente e en exclusiva nun
pasado, el avanza cos tempos escollendo con visión crítica e
selectivamente o mellor que se vai producindo. Di el: A solemnidade
xa non é o que era. Pero as cancións están más próximas aos
fieis, son máis breves e facilitan a participación de todos nas
celebracións litúrxicas. E así, xunto con Xabier Méndez Pérez,
estivo na creación dos “Salmos para a Nosa Terra”, que tantos
parabéns mereceron, e comprometeuse nos comezos serios da liturxia
en lingua galega.
É
un experto en idiomas. Galego, español, portugués, italiano,
alemán, francés, inglés. Manexa ben latín, grego clásico,
hebreo e árabe. E non estou esaxerando. Pois todos eles lle foron
necesarios para os estudos bíblicos. Eu puiden comprobalo
persoalmente no Seminario. Por máis que el na súa modestia diga que
non é para tanto.
Porque
traio eu aquí o dos idiomas?
Alguén
preguntoume un día en ton dubitativo que cal era a postura de D.
Uxío en relación coa nosa lingua. Retruquei simplemente que se
deixasen de andrómenas, de dixomedíxomes, de seicas e disques.
Cómpre sermos un pouco máis serios. Que collan, como fixen eu, os
Boletíns do Bispado de Mondoñedo nos tempos de Sede Vacante cando
el foi o máximo responsábel da diocese e poderase comprobar,
principalmente nos escritos, cartas e comunicados a toda a Diocese,
cal foi a lingua, case en exclusiva, que el usou.Tomou decisións moi
importantes que só el sabe cantos sufrires e desquereres lle
causaron. E cando chegou o novo Bispo, D. Xosé Gea Escolano os
escritos del, como Vigairo Xeral, seguiron tendo a mesma
periodicidade e sempre nun exquisito galego, que manexa coma poucos.
Eu
non son propiamente o que se di un dos do círculo ou do grupo dos
seus amigos íntimos nin das equipas que nos tocase traballar xuntos.
Pero si son outro máis do seus profundos e agradecidísimos
admiradores, polo moito que lle debo. Por iso son moi libre ao
afirmar hoxe estes testemuños. Eu veño ser coma un espello que
reflicte o que acontece en todo o seu alumnado espallado polo mundo
adiante, cregos algúns, mas a maioría noutras diversas profesións
de todo tipo. El mesmo non sabe ben canto hai de el en todos nós.
Todos coincidimos en recoñecer o selo de amor serio á sabedoría, á
nosa lingua e cultura en particular, que el nos soubo transmitir sen
proselitismos partisanos, e sen produtos de “ferro vello” como se
lle chamaban nas feiras da miña nenez ás bagatelas ou ás cousas
superficiais, tramposas ou de sétimo uso.
El
entrou de cheo nos traballos do Concilio Galego e saudou con
albricias a Carta Pastoral do bispo D.
Miguel Anxo Araújo Iglesias: “A fe
cristiá ante a cuestión da lingua galega”, (1975)
e penso que iso o afirmou no que xa viña sendo nel unha praxe común.
E logo na aprobación do Misal galego, 1985, que chegou baixo o seu
mandato como Administrador Diocesano, e no que puxo interés e
alento.
No
tocante a isto eu podo afirmar fidedignamente con
canto agarimo, aprezo e valoración positiva nos explicou a
literatura galega dentro da literatura universal. Corrían ventos ben
avesos para toda diferenciación dentro daquela España difícil y
erecta que el ambicionó, como dicían na
Falanxe de José Antonio.
Como
eu son moi conservador gardo coidadosamente as fichas densas,
concisas e meticulosas que el tanto traballaba e que logo tamén
esixía á hora de dar conta da tarefa estudada. Foi no curso
académico 1958-59.
Tanto
lembro a súa influencia en min que no ano seguinte eu tiven de levar
unha especie de pequena conferencia que nos esixían aos alumnos de
Filosofía para expola ante profesores e alumnos. Eu tituleina: “A
morriña e a saudade galegas encarnadas na figura prócer de Rosalía
de Castro”. Tanto se me gravara o seu ensino da nosa cultura e
literatura.
A
influencia de D. Uxío en todo o clero actual da nosa diocese foi e é
inmensa Ten oitenta e catro anos e son máis de sesenta de maxisterio
polifacético e de excelente calidade. Sabe de case todo e de todo
nos comunicou nun labor calado e silencioso como silencioso é el na
súa propia vida e na súa docencia. A don Uxío hai que estudalo
desde o silencio, en silencio e nos silencios. Por iso ten a arte de
saber escoitar e atender. Unha escoita activa, din os psicólogos.
Unha escoita sanante e sanadora.
Vexamos
un detalle. Un alumno faille unha pregunta sobre un asunto para el de
sobra coñecido. Resposta del: Isto hoxe non o teño ben preparado.
Prefiro contestárvolo mañá. E mañá chegou cunha ficha concisa e
densa, escrita, abarcando todo o que era importe dese tema e con
citas bibliográficas. Tomaba en serio aos alumnos e á ciencia. Del
fiabámonos totalmente. Nunca nos mentiu e non ía nunca de fantoche
nin de ‘relumbrón’.
Non “fardaba” de si mesmo. Por iso o
admirabamos aínda máis.
COMO
É O HOME E O SACERDOTE
Se
admirado é o profesor e o director de corais verdadeiramente é
moito máis admirábel o home e o sacerdote.
Os
seus 84 anos, acabadiños de cumprir hai dez días, non lle impiden
manter un alto ritmo de actividade.
Tivo Numerosos cargos:
- Formador no Seminario de Mondoñedo.
- Profesor de case todo en diversos centros e aulas.
- Delegado diocesano de Liturxia.
- Conferenciante dentro e fóra de España.
- Cóengo na catedral mindoniense.
- Administrador Diocesano entre a renuncia de Araúxo Iglesias e a chegada de Gea Escolano.
- Vigairo Xeral.
- Párroco de As Pontes.
Este
noso home, vivindo en Ferrol e cando as estradas eran malas coma o
demo, atendeu durante uns 20 anos dúas parroquias de Trabada: Valboa
e Fórnea.
Tamén
ao Ermo, en
Ortigueira. E cando fallaba un crego, alá ia el caladiñamente a
suplilo.
Dicía sentirse a gusto. «As parroquias rurais son máis familiares.
Se pasas a unha parroquia rural, acabas sendo da familia.Esa
familiaridade acaba interiorizándose».
Tamén
debeu deixar semente de entrega na propia familia de sangue, xa que o
seu irmán Pepe foi compañeiro noso no seminario moitos anos. Un
sobriño del é Padre paúl e misionario en Angola. Unha sobriña,
cos estudos universitarios a rematar, entrou na clausura das
Carmelitas Descalzas.
Os
que coñecemos a diocese desde dentro sabemos que andaron con el de
arriba para abaixo, sen deixalo dedicar de cheo ao que podía telo
convertido nunha autentica autoridade docente e científica e ser
unha fonte de inmensa riqueza para unha diocese que, pequena coma
nosa, sempre estivo falta de verdadeiros mestres de vida e de
ciencia. El foino e éo, pero desde os testemuños de entrega e
servizo.
Visto
desde fóra e con ollos só humanos diriamos del que foi un todo
terreo.
Mas
cómpre interrogarse: Fixeron del un baila na criba? Deixouse
utilizar en demasía? Ou foi a virtude dun home humilde e consciente
que ten a sabedoría bíblica de transcender as cativezas humanas?
Por
momentos houbo moito malestar incluso en altas esferas da igrexa de
España pola utilización moi pouco delicada que se fixo da súa
persoa. Temos de dicilo así: “chiaro e
tondo”, como din os italianos
El,
igualciño ca os profetas, non sempre foi recoñecido na propia casa.
Poderiamos titulalo así: As probas dun
sacerdote humilde, que non humillado, porque humillado é quen se
deixa.
Cumpliu
aquilo de Cícero:
Et ad majora nati sumus. Pero o que lle
é de verdadeira aplicación, sobre todo, é do Mestre Xesús de
Nazaré: “Quen queira ser o primeiro sexa o último de todos e o
servidor de todos. (Mc 9, 35). “Sabedes ben que os que son
recoñecidos como xefes dos pobos, tiranízanos, e os grandes
oprímenos. Non sexa así entre vós o que queira ser grande, sexa o
voso servidor.(Mc 10, 42-44).
Este
é o seu ideario profundo e o seu leit
motiv existencial. Quen non o estude á
luz destes criterios nunca o vai entender.
Sabemos
ben certo que lle propuxeron ser bispo e que non aceptou. Incluso se
sabe o sitio do seu destino. Penso que foi a única vez que dixo.
Non!
Agora,
por parte de vello, proclámano Prelado de Honra. Honra que nos vai
mellor a nós, que presumimos de monseñorados, do que a el que non
lle serve de nada. É un home profundamente libre no seu espírito.
Liberdade sen ira.
Alguén
preguntoulle:Séntese vostede verdadeiramente realizado con tantos
anos de vida sacerdotal?.«Cómo non?»,
respondeu sorrindo e rotundamente
A
Vilalba chega no 2001. En Vilalba,
«Integreime ben. Axiña sentín o agarimo da xente».
“García
Amor, coa ilusión de quen canta, parece terse ido adaptando aos seus
diferentes destinos”.
Ten
variedade de gustos. Confesa que lle agrada camiñar a miúdo polo
paseo fluvial de Vilalba e contemplar a súa variada vexetación.
Franciscanismo puro. Di sentirse
ben entre os amigos e unha vez ao ano verse cos compañeiros do
Seminario e compartir misa e mesa con eles.
A
min déronme a misión de falar de: “O
perfil de Uxío como persoa comprometida co evanxeo e o país”.
Pois
coñecendo todos a D. Uxío García Amor, eu acabaría aplicándolle
en singular aqueles versos cos que Uxío Charlón e Manuel Sánchez
Hermida, dous obreiros da Construtora de Ferrol, pertencentes as
Irmandades da Fala, remataban no teatro Jofre de Ferrol en 1917 a súa
obra “Mal de moitos”:
“Perseguindo
unha idea nós camiñamos
non
son trunfos nin grorias os que buscamos.
Soio
pedimos
moito
amor para a terra onde nascimos”.
Grazas
por todo, Don Uxío, et
semper nobiscum vivas.