NOS
VAZÍOS DA NOITE
XAQUÍN
CAMPO FREIRE. FONTE DA CRUZ, 08-08-2012.
Hai
poucos días lin un relato dunha avoa que acompañou a toda a familia
nun longo proceso de cancro e quimioterapia do seu netiño de sete
anos. Velaquí un retallo pequeno:
“Por
grandes períodos tentei agochar toda incerteza e todo sufrimento,
pois doutro modo non se pode vivir. Mas cando vén a noite ou se dan
as condicións para un espazo baleiro, daquela, cae o pano, e a lava
dun volcán de agonía, que vive no fondo da nosa alma, retoma con
forza a súa erupción. A vontade de darlle a todos, á miña filla,
ao meu netiño e aos seus irmanciños un día feliz, esvaece agora e,
no silencio da noite, a dor da crúa realidade fai que as lágrimas
quentes e longas rulen en cascada. E os saloucos afogados,
convértense en gritos na procura dun sentido esencial da vida”.
“Porque, ..., ando sen tempo para min. Nin tan sequera podo
alimentar o meu íntimo esmorecido”.
Coñezo
ben esta realidade das noites en soidade. Son testemuña. É algo que
teño experimentado e acompañado moi de cerca durante tantos anos na
miña vida activa de enfermeiro, na planta do hospital ou na Atención
Primaria, en intensivos ou nas urxencia. Hoxe, mesmo no cárcere,
sigo a facelo desde outras circunstancias non menos dolorosas.
Podería titulalo así: Vida, paixón e morte do coidador/coidadora
principal a quen a sociedade, mesmo a familia, non prestamos
atención, non lle axudamos axeitadamente e lle esiximos a máis non
poder.
O
acompañante principal do enfermo, pensemos no Alzheimer, non ten
tempo nin para si. A dedicación é intensa e exclusiva. A vida, que
corre moi veloz e non espera, sebrepásao. Atrás, acumúlanselle
preocupacións e responsabilidades. Moitos asuntos importantes fican
sen resolver, non se poden adiar e logo pasarán unha factura cara.
Nin
todos os familiares ou os amigos entenden a situación. Nin axudan.
Moitos desenténdense. Algúns, cando veñen de visita, aínda culpan
ou chaman a atención. “O peor é que, obxectivamente, teñen a súa
razón. Recoñezo a súa parte. Pero eu ando sen tempo e sen forzas
para min. Xa non dou máis e estou desoreintada/o” “Só sei
chorar e ando desquiciada/o”.
Nestes
tempos, en que o deus mercado só está preocupado por subtraernos os
recursos familiares e toda a economía, é obsceno falar de enfermos
e acompañantes, de sanidade pública ou axudas familiares, de
educación de calidade ou de comedores escolares, etc.
Todo
isto é reenviado sen vergoña á esfera do privado. Son as
“mamandurrias” ás que xa non podemos optar e ás que non debe
ceder ningún bo gobernante que se prece, como profetizou dona
Esperanza. E no fondo, a sociedade en xeral, tamén pensamos así. Xa
comezan a falaren de que os nenos han ter que ir coa friameira á
escola. Nos anos cincuenta eu lembro iso. E xa houbera que pórlle
dentro! Non dramatizo.
Son
tempos de vacas fracas. Os voluntariados de relevos para un merecido
descanso, gratuítos, con calidade e con competencia profesional,
son unha chamada urxente a todos nós para termos unha sociedade
menos neurotizada e máis solidaria Están nacendo iniciativas
meritorias nestes campos. Ben vindas sexan elas! Os coidadores son
merecentes.
Iso
non quer dicir baixar as esixenzas dun estado xusto, social e
solidario para todos, empezando polos de abaixo. Temos de
rebelármonos. Quo
vadis, humanitas?