EU
NON QUERO QUE SE VAIAN NIN A MULA NIN O BOI.
XAQUÍN CAMPO FREIRE.- FONTE
DA CRUZ.15-12-2012
Amigos: Feliz Natal. Boas Festas. Feliz 2013.
Tal vez porque no fondo estamos abondo magoados
hai coma un clamor popular de tristura porque o Papa botase do
belén ao manso boi e a inqueda mula.
Estamos faltos de humanidade e de humanización. E
a tenrura escasea nun mundo inhóspito, onde están a saír polas
ventás xentes que non resisten ter que ver como as súas
casas se converten en cárceres de morte e desespero nas mans dun
sistema perverso ao que todos estamos servindo de esteo con medo a
que se esbarroe ou emborralle dunha vez.
Salvamos ao deus euro por mais que as persoas
morran. Asistimos, mudos, como botan do belén da humanización á
sanidade para todos, á educación para todos, á asistencia social
para os más desfavorecidos, ás linguas, como a galega, conservada
polos de abaixo, aos vellos que disque son moi caros, porque o seu
traballo agora xa non é, e os seus aforros son un malgasto que
pertencen ao fondo de pensións. Meteron nun peto que xa non é
deles.
Os de abaixo non teñen dereito a ter voz de seu,
fala de seu, saúde de seu, educación de seu, acompañamento
dos de seu, xustiza ao alcance do débil, nin sequera a poderen os
velloucos sobrevivir ou, se lles peta, tomar xuntos unha gasosa sen
alcol.
E se en todo iso hai algo de valor, que pase a ser
fonte de ingresos para o sistema Copago. Que paguen! E que non falen.
Fóra toda expresión se non é para dicir. Mande
usted! Non se pode perder esa
bicoca. Xa o dixo Díaz Ferrán en representación da patronal,
inda que agora, xa caído, non gosten do seu discurso. Que fan a mula
e o boi nos cortellos dos pobres cando poden estar a traballar arreo
para nós, para o sistema? Fóra! Ao matadoiro, tal vez? Mellor, se
pagan por eles.
Hai pouco suprimiron por circular imperativa a
xornada de portas abertas ou visita dos familiares nos cárceres de
España. Estaba funcionando ben para todos e case sen custos
económicos. Era voluntarismo. Fóra! Penados e familias, que sufran
todos eles. Hai malestar en moitos funcionarios.Todos
estaban empeñando as súas mellores iniciativas para humanizar
o sufrimento de quen se ve atrapado nas gadoupas da exclusión. Fóra!
O artigo 25 da Constitución fala de reinserir, reinsertar,
resocializar. Fóra! Volvamos ao sistema puro e duro. Só
faltaba que agora nos puxésemos brandos! Con esa xentalla non hai
nada que facer. Non son humanos. “Son antisistema”. Eles,
malvados, crean conciencia en nós de sermos boas persoas. Nós non
somos “coma ese publicano”. O sistema xa os retirou da
circulación. Que máis queres, sociedade? Xa os temos reducidos.
Agora cadea perpetua, revisábel, para peor. Eu, xente de pro,
nunca visitei un cárcere. Nin penso. Non quero lixarme con ningún
“deses”. . Viva la Navidad! Así, en lingua estándar. Deixa que
pasen dous anos. Daquela falaremos. E, coñecendo por dentro
cara a onde camiñamos, vese vir cara a onde progresamos.
Non. Eu non quero que boten a mula e o boi do
portal. O cortello é deles por dereito propio. Eu que son rural e da
aldea, alí sempre convivimos coa bichería. E cando morría un
puchiño ou cando a vaca non podía parir e sufría, chorabamos. Son
os signos de humanización e convivencia dos da aldea. Os da cidade e
os dos sistemas dicíannos: Aldeanos, lloráis por un ternero!
Clarín si que nos entendeu. Adiós, Cordera!
Estabamos mutuamente domesticados, coma o raposo e o Principiño.
Non. Non quero que se vaian nin o boi nin a burra.
Non sei se estiveron no Belén. Xa sei que non.
Pero si nas profecías dos desamparados, nos anawin, do antigo
Testamento. E se non estiveron no comezo do belén, chegaron
con San Francisco máis tarde. Chegaron tarde porque viñan de
traballar, atoparon o sitio ocupado. E acubilláronse cedendo espazo
á aquela xente de fóra. Traían a calor de estar labrando e
repartírono. Eles, en troco, recibían os aloumiños do neno e
deixábanse querer. Non. Eu non quero que se vaia nin a miña
marela nin a miña cabalía, como din os asturianos.
Xa tolero con que se vaia o neno e os seus
pais, que estaban alí de paso. O cortello xa non era deles. Eles
foron uns okupas. A pucha e o poldro estaban no de seu ata que agora
chegou o desafiuzamento tamén para eles. Traballan, pero non pagan.
Nin a labrada nin a agra, coma as oliveiras dos de Jaén, non son
deles. Eles están hipotecados. Polo menos, que fique a mula e o boi.
Por que se teñen que ir? Porque consumen. Viva a troika salvadora!
Non. Non hai dereito. Eu sei que, cando o neno
medre, ha volver polos cortellos dos pobres para ver como lles vai
con iso do leite e das cooperativas. Todos volvemos ás orixes, polo
menos os que estivemos a carón da Parda ou do Tordo, aquel poldro
esvelto e lanzal.
Se vos digo que toda a miña irmandade
nacemos no mesmo medio dos nosos bichiños! Hixienizado,
naturalmente. Tamén para naceren eles, que nos doían. Pero todos no
mesmo medio. Non había hospitais. Nin médicos. Daquela só estaba a
tía Sabina de Agramonte que sabía desas cousas. E para eles, o
menciñeiro, o tío Santalla, que aprendera en Cuba. O demais eran
contos e andrómenas.Teremos de volver?
Non. Non quero que se vaian do portal nin a mula
nin o boi. Preparémonos para asociarnos e resistir. O
povo é quem mais ordena!
Feliz Natal. Bo 2013.